A primeira edición deste certame celebrase no ano 1995, cinco anos despois do pasamento de Manuel Oreste Rodríguez López, co obxecto de homenaxear ao poeta paradelense e manter viva a súa obra e as súas inquedanzas literarias. Foi esta unha iniciativa de Xesús Mato Mato, Xulio Xiz Ramil, Santiago Rodríguez e José Manuel Mato Díaz, que forman parte do xurado desde o inicio.
Desde aquel entón, algo que empezaba coa incerteza, pero tamén con moita ilusión foi consolidándose grazas á participación cada vez máis numerosa de persoas de toda España e doutros países de Europa e América. Na última edición, a número dezaoito, presentáronse un total de 968 obras, 442 na categoría de poesía e 526 en narrativa.
Durante estes máis de dez anos, a calidade das obras foi altísima, por esta razón foron outorgados accésits en moitas das edicións, esta calidade se pode ver tamén na importancia dos distintos escritores premiados ao longo da vida do Certame.
Tamén foi variando a forma de presentación das obras, cada vez son máis numerosas as enviadas a través de medios telemáticos, o que se traduce na evolución do Certame cos tempos que corren e no esforzo do Concello en facilitar aos autores os medios de presentación das súas creacións.
As modalidades nas que se pode participar son dúas: narrativa e poesía, cun premio de 600 euros en cada unha delas. Os relatos terán unha extensión máxima de 20 folios e a obra poética un máximo de 100 versos. Deberán ser obras orixinais, inéditas e non premiadas con anterioridade. Habitualmente o prazo para a presentación das obras remata o 30 de novembro de cada ano, pero é aconsellable consultar as bases que se publican cada ano regulando as normas do certame.