Fondo cabecera Concello de Paradela

Actualidade

MÁIS DE 1.700 VECIÑOS DO CONCELLO LUGUÉS DE PARADELA XA PODEN ACCEDER A INTERNET GRAZAS AO PLAN DE BANDA LARGA DA XUNTA

  • A instalación dunha nova torre de telecomunicacións na parroquia de Castro de Rei de Lemos vén de ampliar a cobertura de Internet a máis de 230 veciños de 15 núcleos
  • Os despregamentos do Plan incrementaron a porcentaxe de poboación con posibilidade de acceso á Rede do 13,8% a máis do 98%
  • As actuacións beneficiaron en total 97 núcleos do municipio e supuxeron un investimento público-privado superior aos 372.000 euros nos últimos catro anos

Santiago, 24 de febreiro de 2015.- Un total de 1.783 veciños do concello de Paradela, que carecían de acceso a Internet, xa teñen acceso  a este servizo  grazas ao Plan de de Banda Larga da Xunta. As medidas do Plan, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), incrementaron a porcentaxe de poboación con acceso á Rede do 13,8% a máis do 98% neste concello lugués. Estas actuacións supuxeron un investimento público-privado de 372.199,57 euros nos últimos catro anos no concello de Paradela.

Unha das ultimas actuacións do Plan no municipio foi a entrada en funcionamento dunha infraestrutura do operador público Retegal  na parroquia de Castro de Rei de Lemos, que posibilitou o acceso á internet a través de tecnoloxía 3G na parroquia e a máis de 230 veciños dos núcleos de  Bacorelle, As Bustaregas, Carballedo, A Carballosa, Espino,  O Mazo, Mide, Paredes de abaixo, Paredes de arriba, A Parrocha, Pereiro, O Sacadoiro, Uceira Branca, Val do Couto e Zouro.

Esta nova tecnoloxía 3G do Plan é na banda de 900MHz o que permite unha velocidade de conexión de ata 7Mbps.

Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia
O Plan de Banda Larga da Xunta facilitou o acceso a Internet máis de 740.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2010. A día de hoxe, e grazas ao Plan, máis do 98% dos galegos xa dispoñen de acceso ao servizo de banda larga de calidade a través de redes fixas ou sen fíos.
 
O 2% restante dispón de cobertura de internet vía satélite, que está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.
 
Por provincias a situación é a seguinte: en Lugo pasouse dun 54% de cobertura a máis do 98% a finais de 2014; en Ourense do 58% a máis do 98% mentres que na Coruña incrementouse a poboación con posibilidade de acceso á rede do 75% a máis do 98% e en Pontevedra do 78% a máis do 98%. O Plan reduciu significativamente a fenda dixital existente entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, que pasou dun 20% a menos do 1%  no ano 2014.
 

Medidas do Plan
O plan, desenvolveuse de xeito progresivo nos núcleos da comunidade galega sen cobertura, nos que cuestións como a dispersión poboacional ou a orografía dificultan os despregamentos.
 
O Plan contemplou despregamentos de redes fixas e sen fíos e contou cun programa de axudas para a conexión vía satélite para aquelas zonas nas que non é posible facilitar o acceso á Internet  con ningunha outra tecnoloxía. Estas medidas están destinadas á dotar de cobertura todos os galegos. Pero ademais o plan ten outro obxectivo que é impulsar a implantación na comunidade.de redes de Nova Xeración (NGAs) de máis de 100 Mbps de velocidade.
 
As actuacións do Plan desenvólvense en colaboración cos operadores Iberbanda, Telefónica e R que resultaron adxudicatarios de tres ordes de axuda, tras presentarse en réxime de concorrencia competitiva. Ademais, o programa de axudas para conexión vía satélite realizouse en colaboración  con pequenas e medianas empresas provedoras deste servizo.

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Paradela
Concello de Paradela
C/ Cabaleiros de Santiago N°15 – 27611 Paradela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 54 11 01 / 96 | Fax: 982 54 12 32 / 07
E-mail: concello.paradela@eidolocal.es