Fondo cabecera Concello de Paradela

ENIL Loio-Ruxidoira

Os espazos naturais de interese local, tal e como define a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, son lugares singulares que merecen algún tipo de protección dos seus valores naturais.

O ENIL Loio-Ruxidoira ten unha superficie de 437 hectáreas que se localizan nas seguintes parroquias do Concello de Paradela: Loio, Castro San Martiño, Castro (San Mamede), Ferreiros, Francos, Cortes, Laxe, Suar, San Miguel, Vilaragunte e Barán.

O interese do espazo Loio-Ruxidoira radica na gran diversidade de especies que habitan un bosque de ribeira extenso e en bo estado de conservación que se alterna con extensas áreas de carballos e castiñeiros. A maior parte do ENIL está ocupada por carballos, castiñeiros, bidueiros, salgueiros¿etc. Estes bosques de especies autóctonas son bosques maduros e equilibrados que favorecen a biodiversidade e son refuxio dun gran número de especies de fauna e flora. Entre as marabillas botánicas que atesoura o ENIL hai varias árbores singulares como algún carballo centenario que se atopa en pleno sendeiro da ruta do Loio e os castiñeiros centenarios das ruínas de Sta María de Loio, ademais de carballos e castiñeiros dispersos na ruta que sen ser centenarios poderían estar próximos, dado a morfoloxía característica que presenta o seu tronco.

Hai estudios que sinalan ata 22 especies protexidas por algunha Directiva Europea, entre as que destacan varias especies endémicas de Galicia e da Península Ibérica como p.ex. o limpafontes común ou a lagartixa galega, así como numerosas especies recollidas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas ou no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como p.ex. a píntega e outras recollidas na Lista Vermella dos Vertebrados de España. Este tipo de bosques teñen un microclima que favorece a existencia dunha gran variedade de especies de fauna e flora, no entorno do río poderemos atopar, entre outras moitas especies: ourizos, rás verdes, lucións, toupas, furafollas, morcegos, armiños, donicelas, londras ¿etc. E tamén numerosas aves como miñatos, gatafornelas, falcóns pequenos, paspallás, rulas, cucos, lavercas, paporrubios, reiseñores da auga, bufos pequenos...etc. e algún que outro raposo, corzo, porco bravo...etc

O sendeiro PRG-14, coñecido como Ruta do Loio e homologado pola Federación Galega de Montañismo, que conta coa sinaléptica habitual das rutas de sendeirismo é a mellor maneira de realizar unha primeira aproximación ao ENIL e coñecer ademais varios muíños, como p.ex. o muíño do Cabo no inicio ou o muíño da Retorta que acaba de ser restaurado. Desde o roteiro, tomando un desvío podemos visitar os restos do mosteiro onde se funda a Orde dos Cabaleiros a Santiago ou un altar de sacrificios no lugar de ¿Pena da ferradura do cabalo¿ onde abundan as matogueiras de acivros (Ilex aquifolium), de novo unha especie en perigo de extinción e catalogada como especie protexida. O feito de ser unha planta que frutifica en inverno dálle un valor ecolóxico moi importante, ó ser unha boa fonte de alimento para moitas especies, especialmente paxaros.

No territorio do ENIL hai tamén abundante patrimonio etnográfico a través do que coñecer a historia do lugar: en Cortes poderemos ver viñedos cos que entenderemos a calidade do viño da D.O. Ribeira Sacra ou os ben conservados muros que dividen as fincas de labor e que son característicos da paisaxe en mosaico propia de Galicia, atoparemos casas de Fidalgos como a que hai no lugar de Celmán ou lugares privilexiados para entender o que supuxo o embalse de Belesar para Portomarín como o miradoiro de Cabodevila¿etc. En definitiva, natureza e historia para pasar un día de lecer é o que atoparemos neste lugar protexido.

Imáxes

ENIL Loio-Ruxidoira 2 ENIL Loio-Ruxidoira 3

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Paradela
Concello de Paradela
C/ Cabaleiros de Santiago N°15 – 27611 Paradela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 54 11 01 / 96 | Fax: 982 54 12 32 / 07
E-mail: concello.paradela@eidolocal.es