É unha das parroquias que acolle o Camiño Francés a Santiago de Compostela, está situada na ribeira do río Loio e nela viven 113 veciños. Do castro de Cortes hai algunha peza no Museo Provincial de Lugo, pero o que destaca deste lugar son as bonitas vistas a Belesar e os seus ben conservados muros de pedra para delimitar as fincas, tradicionais da paisaxe en mosaico galega e que se conservan en poucos lugares de Galicia.
Está integrado polos seguintes lugares: As Cortes, Loio, Pacios, A Parrocha, A Tellada e Vilachá.
A igrexa de Sta. María de Loio, formaba parte dun Mosteiro que tivo gran importancia na historia do Camiño Francés a Santiago de Compostela. Neste lugar nace a Orde Militar dos Cabaleiros de Santiago a principios do século XII. Habitualmente os mosteiros están emprazados en lugares de singular beleza e propicios para o recollemento e este non é unha excepción, protexido pola montaña e na ribeira do Loio.
Celebran festas patronais na honra de San Salvador o primeiro domingo de agosto.