Fondo cabecera Concello de Paradela

San Facundo de Ribas de Miño

O conxunto de San Facundo de Ribas de Miño foi declarado monumento de interese nacional no ano 1982 e recibe en 1998 o Primeiro Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia como mellor proxecto de restauración realizado na Comunidade Autónoma. Con este galardón recoñecese o carácter orixinal da actuación realizada, en base a un proxecto dos arquitectos Alberte González Rodríguez e Jorge Salvador Fernández.

Sendo a arquitectura notable, mais o é o entorno: rodeado de viñedos que baixan polas ladeiras do Monte da Trapa ata o río Miño, con embarcadoiro para o catamarán.

Afirma D. Ricardo López que a bóveda da igrexa de San Facundo de Ribas de Miño é a primeira manifestación do estilo gótico na Península Ibérica; está constituída por seis robustos arcos de pedra, que converxen nunha clave colocada a solo 5,30 m de altura.

San Facundo é fundado en torno ó ano 1120 e nace coa vocación de acoller ós peregrinos que viaxaban a Santiago. En 1116 Dona Urraca, raíña de León e Castela, nun dos seus temperamentais arrebatos decide cortarlle a fonte de ingresos que supoñían os peregrinos ó Arcebispo Xelmírez e derruba a ponte de Portomarín sobre o río Miño, camiño francés a Compostela. Os monxes beneditinos, entón, instálanse onde o Miño amansa a corrente para cruzar en barcas ós peregrinos, fundando o mosteiro en torno a 1120. Neste ano, Pedro o peregrino volve a levantar a ponte de Portomarín, converténdose así San Facundo no refuxio de aqueles viaxeiros que non podían pagar o pontazgo de Portomarín e que pasaban a noite na igrexa.

No interior do templo podemos ver pinturas murais de estilo gótico hispano-flamenco coa temática xacobea.

No muro norte está representado San Cristóbal levando ao Neno Xesús, no seu cinto aparecen as cabezas de tres personaxes que representan os viaxeiros que San Cristóbal axudaba a cruzar o río. Á esquerda o despide un monxe e na dereita o recibe outro monxe ao pé dunha igrexa, que lle ilumina o camiño ao Santo, como representación da acollida dos monxes aos viaxeiros e peregrinos.

Está tamén representado San Bartolomé, coa metade da pel colgando, en referencia o seu martirio, pois foi despelexado vivo, leva un coitelo na man e está pisando un monstro/demo que ten unido a el cunha cadea. E San Francisco de Asís co hábito da súa orde, levando un libro e un crucifixo.

No muro surleste está representada a crucifixión, na que Cristo está acompañado pola Virxe María e San Xoán Evanxelista.

No muro norleste, podemos ver á Virxe María dándolle o peito ao Neno.

No muro sur está representado a escena do martirio de San Sebastián, espido e aseteado por dous arqueiros.

 

Ubicación: 42.774298, -7.626872 42°46'27.5"N 7°37'36.7"W

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Paradela
Concello de Paradela
C/ Cabaleiros de Santiago N°15 – 27611 Paradela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 54 11 01 / 96 | Fax: 982 54 12 32 / 07
E-mail: concello.paradela@eidolocal.es