Fondo cabecera Concello de Paradela

A Ruta do Loio (PRG 14)

A ruta do Loio, comeza nas piscinas municipais e remata na parroquia de San Xoán de Loio, á beira das augas do Miño, cunha distancia de 8 quilómetros e unha duración de dúas horas e media aproximadamente.
A poucos metros das piscinas, atópase un pequeno muíño restaurado, o Muíño do Cabo e a Ponte do Muíño que cruza o río. Dende alí se escoita o bulebule das augas da fervenza que se pode admirar dende a Ponte da Fervenza.
Cando levamos quilómetro e medio percorrido atopámonos coa encrucillada onde se unen os tres camiños polos que se pode iniciar a ruta: o que levamos, o que se inicia no Centro de Saúde e o da entrada por Rodillón. A poucos metros podemos descansar para beber auga fresca nunha fonte que está a 150 metros do paseo a man esquerda. Continuando a viaxe pasamos a poucos metros do Muíño de Pías a 150 metros pola dereita baixando ata o río. De volta na senda, imos en busca do Loio, ata cruzalo na Ponte da Retorta.
O camiño continúa entre ameneiros, salgueiros e carballos, ademais dos emblemáticos e ameazados acivros. Seguimos descendendo cara ó río para chegar ó Muíño da Retorta, cruzando a Ponte do Muíño da Retorta, sendo o máis grande dos anteriormente vistos, con catro pedras de moer foi recentemente restaurado. Alí atoparémonos cunha nova sorpresa, unha fervenza.
Percorridos xa 2,5 quilómetros da ruta entre pastos e fincas antigas chegamos á encrucillada que nos levaría a Suar, nós continuamos a senda da dereita, por un camiño que cruza fermosas fragas de castiñeiros ata acceder á Ponte de Portocaneiro. A 200 metros á esquerda da ruta podemos visitar o Muíño de Sucastro, cuns 4.100 metros percorridos.
De volta na ruta, imos deixando atrás o Loio ata chegar os restos da Capela de San Berto en Portocaneiro. Pasada esta, accédese a un fermoso corgo mediante banzos instalados na parede ata acadar un novo camiño de carro con boas vistas ó máis profundo da ribeira e ó pobo de Igón.
De novo volta a ruta para avanzar ata o desvío que nos leva o lugar dos restos do que foi o mosteiro de Santa María de Loio, berce da Orde Militar dos Cabaleiros de Santiago, 12 cabaleiros que no ano 1170 fixeron un xuramento para protexer ós peregrinos dos asaltos dos infieis. Consérvase unicamente restos de edificacións e escaleiras, así como un sarcófago.
O tramo final da senda leva ata a estrada LU-633, onde se poden admirar as impresionantes vistas das augas de Belesar e comer unhas deliciosas anguías para repoñer as forzas nalgún dos restaurantes do lugar.

 

Ubicación Inicio Ruta: 42.764485, -7.564130 42°45'52.1"N 7°33'50.9"W

Enlaces Adicionales

  • Ruta do Loio en TurGalicia
    http://www.turgalicia.es/sit/ficha_datos.asp?ordRs=3&ctre=32111&crec=34904&idversion=1-4BO7PW&refnumber2=01010602&cidi=G

Descarga do arquivo

Información sobre el documento

Escudo del    Concello de Paradela
Concello de Paradela
C/ Cabaleiros de Santiago N°15 – 27611 Paradela - Lugo (Galicia)
Teléfono: 982 54 11 01 / 96 | Fax: 982 54 12 32 / 07
E-mail: concello.paradela@eidolocal.es