O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar.
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar
a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
f) Retardar ou evitar a institucionalización.
g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Prestacións
a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria,
b) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda
c) Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estruturación familiar.
Destinatarios/as
1. O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores en que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
2. En todo caso, darase prioridade no acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.
Documentación a achegar coa solicitude
Fotocopia do DNI do solicitante ou calquera outro documento oficial acreditativo da súa identificación.
Fotocopia da tarxeta sanitaria.
Certificado de empadroamento e de convivencia.
Informe do médico de atención primaria (anexo II)
Certificado de minusvalía, no seu caso, da persoa solicitante e membros da unidade familiar
Resolución da valoración de grao e nivel de dependencia emitida pola Unidade de Valoración da Dependencia e do Plan Individual de Atención, se é o caso.
Xustificantes dos ingresos da unidade familiar, entendéndose por tal o solicitante, cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos ou maiores desta idade en situación de discapacidade que dependesen económicamente do solicitante:Certificado de todos os ingresos procedentes de pensións.
Fotocopia da última declaración da renda, ou no seu defecto, certificado de Facenda de non estar obrigado a declarar.
Declaración de imposto sobre o patrimonio ou certificado de Economía e Facenda de non estar obrigado a declarar.
Con carácter excepcional e naqueles casos nos que o solicitante non poida dispoñer da documentación acreditativa anteriormente mencionada, aportarase declaración xurada na que se faga constar a carencia absoluta de rendas familiares ou contías das mesmas, así como de bens patrimoniais.